Friday 26 de April de 2024

A Coruña celebra mañá o Día Mundial do Medio Ambiente con obradoiros e actividades infantís no Mercado Ecolóxico situado no Campo da Leña


Durante a xornada, que terá lugar de 11.00 a 14.00 horas, o público asistente poderá gozar con xogos, sorteos, concursos e degustacións gastronómicas

Este domingo, 5 de xuño, e co gallo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o Concello da Coruña ofrecerá unha ampla programación de actividades no Mercado Ecolóxico que estará situado no Campo da Leña, no barrio de Monte Alto, de 11.00 a 14.00 horas.

O Mercado Ecolóxico, unha iniciativa posta en marcha pola Concellería de Comercio, Mercados, Consumo e Barrios, abrangue múltiples actividades orientadas, especialmente, ás pequenas e pequenos, pero abertas a todo tipo de públicos, co obxectivo primordial de concienciar as novas xeracións sobre a importancia de promover a economía circular e interiorizar os principais conceptos de sustentabilidade.

Os horarios das actividades que terán lugar durante a xornada son os seguintes:
● 11.00 a 11.20 horas: Obradoiro infantil de velas a cargo de Devalo Mel, para nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos.
● 11.30 a 11.50 horas: Coloquio da firma Acastrexa, dando a coñecer o seu plan de sustentabilidade para os vindeiros 20 anos.
● 12.00 a 12.20 horas: Coloquio da firma Perennia, dando a coñecer que é un plan comestible e cales son as súas vantaxes.
● 12.30 a 13.00: Presentación do libro “Cuba no corazón”, de Javier Ramón, fundador de Livegens.
● 13.00 a 14.00 horas: Mesa redonda ‘E ti, que podes facer para lles deixar un mundo mellor ás xeracións vindeiras?’, moderado pola xornalista María Nieto.

Ademais, o público asistente poderá gozar ao longo da mañá con xogos xigantes, sorteos e concursos, degustacións gastronómicas e música ambiente entre as diversas sesións de actividades previstas. Tamén se disporá dunha furgoneta camper reciclada na propia praza, a modo de photocall que dará a coñecer o proxecto ‘Road trip sustentable en furgo’.